CIVIL UAVS INITIATIVE
A Civil UAVs Initiative é unha iniciativa estratéxica pioneira en Europa que, impulsada pola Xunta de Galicia, ten como obxectivo atraer inversión no sector aeroespacial e desenvolver a industria de sistemas e de vehículos non tripulados. Estes UAVs (unmanned aerial vehicle ou vehículos aéreos non tripulados) melloran a prestación de servizos públicos no ámbito civil, pois poden axudar en tarefas de ordenación territorial, facilitar a monitorización da calidade da auga ou dar apoio aos servizos de salvamento marítimo ou de montaña, entre outros.
Grazas ao enfoque integral da iniciativa, a industria aeronáutica atopou en Galicia un lugar idóneo para instalarse e promover a tecnoloxía e a innovación, ademais de aproveitar un capital humano altamente cualificado e especializado. A Civil UAVs Initiative, desenvolta a través da Compra Pública de Innovación (CPI), permitiu á Xunta de Galicia favorecer a implantación de grandes empresas como Babcock, Boeing e Indra e o crecemento e de pemes do sector.
A Civil UAVs Initiative conta con catro programas (I+D, Solucións, Emprendemento e Infraestruturas) mediante os que creou un ecosistema de innovación capaz de xerar novas ideas, de crear emprego cualificado e de atraer e reter talento emerxente.
Esta iniciativa estratéxica mobilizou máis de 164 millóns de euros de investimento público-privado e a máis de 50 axentes (universidades, centros de coñecemento, empresas tractoras y pemes), conta con 59 proxectos de I+D+i en desenvolvemento e xerou máis de 400 empregos de alta cualificación.
Coñece máis información sobre a Civil UAVs Initiative na súa páxina web