03 Mér
A Xunta destaca que o sector da automoción impulsa a consolidación da Industria 4.0 en Galicia e a competitividade do tecido produtivo
O director do Igape, Juan Cividanes, salientou esta tarde o papel que ten o sector da automoción en Galicia como impulsor da Industria 4.0 e da competitividade do tecido produtivo. Así o manifestou na inauguración da 29ª edición do Salón do Automóbil e a Motocicleta, que durante os próximos cincos días se celebra no Ifevi, en Vigo, onde apelou ao traballo conxunto de todos os axentes que conforman esta industria.
Cividanes destacou o esforzo que está a levar a cabo todo o tecido empresarial para impulsar a innovación, a internacionalización e a formación nun sector estratéxico para a Comunidade, que supón o 13% do emprego industrial, con 22.300 postos de traballo, o 13,5% do PIB galego e o 25% das exportacións galegas.
Nese sentido, puxo de relevo o traballo de colaboración entre a Xunta e todos os axentes do sector para desenvolver iniciativas destinadas a impulsar a Industria 4.0, a innovación ou a formación. Un exemplo son as Unidades Formativas para empregados ou desempregados, ou a cuarta edición da aceleradora Business Factory Auto (BFAuto), promovida pola Xunta, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, PSA e Ceaga, onde se están a desenvolver 18 proxectos de emprendemento.
Ademais, permanece aberto o prazo de solicitudes das axudas do Plan de Mobilidade Eficiente, con apoios que, no caso dos turismos, poden chegar ata os 2.500 euros para substituír vehículos de máis de 10 anos de antigüidade.
O director do Igape felicitou aos organizadores do salón por seguir a ser a máis grande exposición comercial do motor en Galicia que, nesta edición, congrega 35 marcas de coches e 30 de motos, ademais dunha ducia de expositores da industria auxiliar.