
27 Xul - 09:00
HACKatHOME
Desde a Xunta de Galicia propoñemos unir, de forma remota, a persoas de diferentes ámbitos relacionados coa tecnoloxía para desenvolver ideas innovadoras e así axudar á industria, ao comercio e ao emprego para construír unha nova realidade.
Por este motivo, nace en Galicia o primeiro hackathon virtual que involucra a programadores, investigadores, deseñadores, estudantes… En definitiva, a calquera persoa que crea que traballando en grupo e colaborando podemos chegar a pensar e empezar a construír solucións tanto físicas como dixitais para afrontar os cambios que nos esperan.
CINCO RETOS
Os proxectos que se expoñan deben dar unha resposta innovadora e tecnolóxica aos cinco retos principais propostos polas empresas e organismos colaboradores no hackathon.
Reto 1. Solucións “De baixo contacto” – Ideas para mellorar os espazos de traballo así como a xestión de produtos, materiais e ferramentas para evitar a dispersión do virus.
Reto 2. Repensando a venda ao público – Ideas para incrementar a seguridade dos espazos comerciais e evitar o impacto negativo no volume de negocio.
Reto 3. Traballo en remoto – Ideas para optimizar o traballo en remoto ou minimizar o contacto interpersoal nos sectores que requiran traballo presencial.
Reto 4. Unha industria máis local – Ideas para reducir as necesidades de desprazamento da industria tanto para a compra como para a oferta.
Reto 5. Un novo concepto de “equipo” – Ideas para coordinar equipos de traballo nun novo contexto de separación física.