03 Xov
A Xunta anima ás pemes do sector audiovisual a reforzar a aposta pola Industria 4.0 para incrementar a súa competitividade
O director do Igape, Juan Cividanes, resaltou hoxe a importancia de que as pemes do sector audiovisual sigan a apostar pola dixitalización para incrementar a súa competitividade, adaptarse ás necesidades do mercado e impulsar a súa presenza internacional. Así o manifestou durante a súa intervención no encontro informativo sobre dixitalización e Industria 4.0 organizado pola Xunta en colaboración co Clúster Audiovisual Galego.
Cividanes destacou o traballo de colaboración entre o Goberno galego e todos os axentes do sector para impulsar a transformación tecnolóxica do tecido produtivo mediante as iniciativas que promove a Axenda Industria 4.0, como as axudas á dixitalización, os Proxectos 4.0 e os programas Maquinaria 4.0 e ReAcciona.
A nova liña de axudas Maquinaria 4.0 que vén de activar a Xunta para reforzar a estandarización no sector e facilitar a compra de tecnoloxía feita en Galicia, permanece aberta ata o 7 de abril. Os proxectos seleccionados que mellor dean resposta aos cinco retos definidos recibirán apoio para o seu desenvolvemento e comercialización.
Ademais, o prazo de presentación de solicitudes de axudas da cuarta convocatoria para proxectos Industria 4.0 remata o 31 deste mes de marzo. Apoiaranse ata seis novas iniciativas colectivas para implantar a fábrica intelixente en ámbitos estratéxicos da economía galega, cun importe das achegas que poderá acadar os 1,5 millóns de euros para cada un dos proxectos sectoriais aprobados, co obxecto de facilitar a formación de grupos de empresas amplos e con investimentos de maior calado.