05 Ven
Reactívanse os prazos para a tramitación dos contratos predoutorais, das axudas aos grupos de investigación universitaria e da incorporación de científicos de prestixio ao SUG
O Consello da Xunta acordou hoxe a reanudación da tramitación dos procedementos relativos á concesión das axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral, para a consolidación e estruturación dos grupos de investigación das universidades galegas e demais entidades que conforman o I+D+i galego, así como das axudas para a contratación de investigadores de prestixio por parte das universidades do Sistema Universitario de Galicia.
Trátase das convocatorias cuxos prazos de solicitudes xa estaban iniciados pero que quedaron suspendidos por mor da declaración do Estado de Alarma. Agora, coa autorización por parte do Consello da Xunta, reactívanse de novo os procedementos de solicitudes, mantendo as mesmas condicións que xa estaban establecidas, e que se resolverán do xeito máis inmediato posible logo de concluír os trámites, analizar as solicitudes e emitir a avaliación correspondente.