03 Lun
A Xunta achega o Polo Aeroespacial de Galicia a 180 mozos e mozas galegos para espertar neles as vocacións científico-tecnolóxicas
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta mañá, durante o Open Day celebrado hoxe, a importancia de achegar o Polo Aeroespacial de Galicia aos mozos e mozas galegos para espertar neles futuras vocacións STEM: “Queremos achegarnos ao talento mozo para sumar vocacións e que os máis novos identifiquen as oportunidades de futuro que para o seu desenvolvemento profesional ofrece este sector”, asegurou.
A xornada, na que participaron un total de 180 alumnos de 3º e 4º da ESO e na que colaboraron a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) e Inta, Boeing, Indra e Babcock, incluíu o programa educativo Science Truck, que busca entreter e espertar o interese dos máis novos pola ciencia, así como unha demostración de proxectos que se están levando a cabo nas instalacións de Rozas.
O obxectivo da actividade era achegar aos rapaces a este sector innovador a través do Polo Aeroespacial de Galicia e, ao mesmo tempo, visibilizar o traballo que se está realizando no ámbito dos vehículos áereos non tripulados e espertar nos máis novos a súa curiosidade polas vocacións científico- tecnolóxicas.
Este Open Day enmárcase no programa "Voando alto, sumando vocacións" que se dirixe a 2.350 estudantes de todos os niveis educativos e público xeral e que proximamente porá en marcha, tamén, as actividades "Enxeñando futuro", en colaboración con Indra, e "Fly the future", con Babcock. “O obxectivo final é estimular nos nosos rapaces e rapazas o talento innovador”, destacou Conde.
O conselleiro explicou que o sector dos vehículos aéreos non tripulados está en crecemento e que está previsto que no 2035 haxa en Europa máis de 400.000 usuarios e que se xeren 90.000 postos de traballo, polo que, se Galicia quere consolidar esa posición de referencia, debe estimular novas vocacións a apoiar o talento mozo innovador.