AS VANTAXES DO 5G
O 5G chega en 2020 como a tecnoloxía que permite velocidades de conexión 100 veces superiores ás que existen actualmente. A velocidade de conexión, a diminución do tempo de resposta ou unha mellora na eficiencia enerxética dos dispositivos son algunhas das vantaxes desta nova tecnoloxía. Pero, como afectará esta evolución ás empresas e industrias?
A evolución cara á Industria 4.0 vai acelerándose e pronto moitas empresas galegas terán dixitalizado os seus procesos de produción en menor ou maior medida. Grazas á dixitalización das industrias os procesos automatízanse e mellóranse, acelerando os tempos de produción e mellorando a experiencia do cliente. Dentro destas contornas dixitalizadas, o 5G ofrece moitas vantaxes para as industrias:
- Redución da latencia: é dicir, diminución dos tempos de resposta dos sistemas que operan con 5G. Grazas a este aumento da velocidade, poderían acelerarse os sistemas e procesos de produción e, por tanto, aumentarse a produtividade.
- Diminución da saturación das redes: as operadoras aseguran que co 5G a saturación será menor que nas redes actuais, pois nunha mesma banda o 5G soporta moitos máis dispositivos conectados que o 4G.
- Aumento da eficiencia enerxética: precisamente pola diminución da latencia, os dispositivos necesitarán empregar menos enerxía para un único proceso, polo que se calcula que podería mellorarse o rendemento dos sistemas ata nun 90%.
- Incremento da fiabilidade: ao diminuír os tempos de resposta mellóranse as comunicacións, polo que as comunicacións con 5G serán máis rápidas e deixarán menos lugar aos erros.
Por todas estas vantaxes, o 5G traerá grandes cambios para a Industria 4.0 e acelerará os procesos de produción, diminuíndo os erros e mellorando os tempos de fabricación e de resposta ao cliente.
Preme aquí se queres saber máis sobre a tecnoloxía 5G.